Monday 29 de April de 2024

As obras de mellora no vaso da piscina municipal implican o peche temporal da instalación


Concello e Xunta de Galicia invisten máis de 180.000 euros nese complexo deportivo.

O Concello esta a levar a cabo unha serie de intervencións no complexo deportivo da piscina municipal da Laracha que supoñen unha mellora substancial das instalacións, dos seus equipamentos e, por tanto, das posibilidades para a práctica das diferentes modalidades deportivas por parte das persoas usuarias.

As obras, que comezaron a executarse o luns, localízanse no vaso da piscina e teñen por fin reducir os desbordamentos que se rexistran nos momentos de maior presenza de usuarios para aumentar a eficiencia enerxética e reducir o consumo de auga. Para iso é preciso colocar un novo conduto no borde do vaso e instalar baixo o pavimento de resina un sistema que impida que a auga se filtre cara as praias e regrese aos sumidoiros perimetrais.

As obras implican o peche temporal da piscina e do spa estimado nun máximo de catro semanas. Esta circunstancia xa foi comunicada aos abonados da piscina por parte de Hebe Sport, a empresa concesionaria da xestión e explotación das instalacións municipais. Durante este período non se cobrarán as cotas correspondentes aos servizos de piscina nin aos cursos de natación, e ampliaranse as datas de caducidade para o emprego dos bonos de baño. Para calquera aclaración ao respecto, débese contactar directamente con Hebe Sport no propio complexo deportivo ou chamando ao 981605928.

As intervencións no vaso da piscina non afectarán nin ao ximnasio nin á zona fitness, que tralas reformas integrais recentemente acometidas polo Concello continúan aos servizo dos usuarios con plena normalidade.

En total o investimento nesta mellora das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha superan os 180.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia.